O pasado Martes asistimos a unha interesantísima charla impartida por Xurxo González, Licenciado e estudante da Universidade de Vigo sobre a historia das editoriais viguesas e o seu papel relevante na promoción da lectura en lingua galega.
Con esta conferencia amosounos, de maneira pedagóxica e dinámica, a relevancia da vida editorial en Vigo que, malia o que se adoita pensar, ten unha rica e vizosa tradición comezada no século XIX. Paseamos pola cidade de Vigo en distintos tramos temporais: o Casco Vello do século XIX con Juan Compañel (impresor de Cantares gallegos de Rosalía) e Ángel de Lema (impresor de Faro de Vigo) até as ampliacións do século XX, deténdonos en Edicións Xerais ou a Editorial Galaxia.
Por medio desta conferencia o alumnado coñeceu e foi quen de comprender o transcurso da cultura galega (na súa expresión literaria) en relación con Vigo, analizando os protagonistas, as formas de socialización, os lugares concretos da cidade e a significación desta actividade editorial dentro de toda Galicia.
GALERÍA DE FOTOS
Ningún comentario:
Publicar un comentario