Vigo tivo e ten unha presenza destacada
na literatura galega e na literatura noutras linguas. A cidade foi, e ségueo a
ser, referida nas páxinas do mellor da nosa literatura. Na obra de escritores e
escritoras como Cunqueiro, Méndez Ferrín, Domingo Villar, Cid Cabido, M.ª Xosé
Queizán, Rexina Vega, Vigo adquire, como territorio narrativo, un valor propio.
Houbo tamén autores noutras linguas como Torrente Ballester, Jules Verne, Ernest Heminway, Fialho de Almeida que
narraron Vigo.
O proxecto Vigo e Literatura mostra Vigo como espazo literario e como recurso educativo. Un
proxecto destas características fai visíbel a obra de
autores e autoras galegos, que non sempre atopan espazo nos medios de
comunicación social. Este proxecto serve, tamén, para dar a coñecer a
propia cidade e a súa historia aos seus habitantes, os vigueses e as viguesas.
O obradoiro incluiu unha breve introdución centrada na
presenza de Vigo na literatura galega e outras literaturas, como a española,
portuguesa, inglesa. Tratáronse cuestións como a evolución urbana e social da
cidade, como nos ollan desde fóra.
Houbo unha outra parte do obradoiro cunha dinámica
participativa. Valéndonos de fragmentos de obras literarias de diferentes
épocas, e que teñan como marco diferentes espazos de Vigo, tratouse de que o
alumnado fora quen dos identificar sobre cartografía e imaxes da cidade.
Utilizáronse ferramentas dixitais para a confección de mapas interactivos,
como Ikimap.
GALERÍA DE FOTOS