O pasado xoves, o alumnado de 3º e 4º da ESO asistimos a visualización do filme " O bosque de Levas" baseado nunha novela homónima de Alfonso Álvarez Cáccamo publicada por Editorial Galaxia en decembro de 2002.
Conta a historia de Marcelo de Salas Gutiérrez de la Cruz, un madrileño, de profesión impresor, asasinado no garrote
vil en 1832, ó ser considerado
afrancesado e liberal, contrario ás ideas absolutistas e partidarias do rei Fernando VII.
Marcelo, ó morrer no garrote e non fusilado, como correspondería polos seus
delitos, converteuse nun espectro. Conserva o corpo e a alma, pero consérvase
nas tebras. Marcelo xa levaba tempo instalado na casa do narrador, Alberte, que
vive coa súa muller e tres fillos adolescentes. Ata que decide mostrarse para
solicitarlle axuda.
Tras moitos diálogos, algunha excursión e algunha discusión, Marcelo, que
sente devoción por moitos dos inventos do século XX, pero especialmente polo automóbil, ten un accidente co
Citroën de Alberte, tralo que
pasa unha época sen aparecer. Tras escoitar o himno de Riego aparece de novo, e Alberte decide
a axudalo definitivamente. Cun compañeiro de traballo, organiza un xuízo no que
se acusa a Marcelo de liberal e traidor á Patria, sendo condenado a ser
fusilado.
Narrado en primeira persoa, describe sobre todo os sentimentos e reaccións de
Alberte, pero tamén fala das sensacións de Lucía, a súa muller, e dos seus
fillos. Ten moito diálogo con Marcelo, e mesmo unha forte discusión sobor do
sentimento centralista dos madrileños.
A trama ten lugar entre 1996 e o entroido
de 1997. Desenvólvese en gran parte na casa
de Alberte (posiblemente un alter ego do escritor), en Panxón, con
visitas ó Baixo Miño, a Tui e mesmo a Portugal.
Pode considerarse unha traxicomedia, pois ten moitos aspectos divertidos, e
aínda que acaba cunha morte, acaba satisfactoriamente, pois cúmprese o desexo de
Marcelo, se ben a Alberte lle pesará moito a desaparición do seu amigo.
Despois de rematado o filme asistimos a un libro-video-foro co autor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario