venres, 21 de febreiro de 2014

A REGUEIFA


CARUNCHO E PINTO D´HERBÓN
Esta semana iniciamos en Secundaria un obradoiro de Regueifa, promovido polo ENDL do Centro e organizado polo SNL do Concello de Vigo, que ten coma finalidade coñecer este xeito de desafío oral típico da nosa tradición. Cun total de dúas sesións, Pinto D´Herbón e O Caruncho dánnos a coñecer a tradición e fórmannos para poder regueifar nunha experiencia que rematará no mes da marzo coa asistencia ao Certame  Escolar de Regueifa na AAVV de Valadares. 
regueifa é unha cantiga improvisada entre dúas ou máis persoas que seguen un mesmo cantar ou son durante o tempo que dura unha disputa sobre un tema determinado. Ademais, ten a característica de que cada regueifeiro canta unha estrofa de catro versos octosílabos nos que riman os pares e quedan libres os impares (de maneira que formalmente coincide coa copla popular). Pode verse certo parecido coa tenzón medieval, na que tamén había unha disputa entre dous trobadores sobre un tema determinado, mais a regueifa foi e é máis popular.
A orixe desta controversia cantada ten que ver coa regueifa, que era un molete de pan -ou unha rosca de ovo e azucre- que antigamente se regalaba nas vodas aos convidados e aos mozos e mozas da parroquia non convidados (ou de fóra dela). A parte divertida consistía en "cantar a regueifa": un cantador dos de fóra da parroquia botaba unha copla meténdose cos de dentro, e entón un cantador da parroquia respondíalle. Iniciábase así entre os dous unha disputa dialéctica de coplas improvisadas cada vez máis incisivas, ás veces escarnecedoras para os noivos ou para as súas familias, de xeito que o certame poético podía rematar nunha pelexa. Por esta razón, os da casa escollían unha madriña para bailar a regueifa e armaren unha foliada salvadora. O regueifeiro gañador, aquel que cantaba a última copla, era quen tiña a honra de partir e repartir a regueifa.
Os temas da regueifas son variados, mais polo xeral, hai unha boa dose de humor ou retranca, o que fai que este tipo de cantares sexan moi divertidos para todos os públicos. A controversia entre os regueifeiros pode durar horas, e gáñaa o que canta a última copla. A regueifa é un xénero musical e popular que se está perdendo, ao igual que a cultura tradicional galega (contos, cantigas, refráns, algúns bailes...), pois normalmente non hai relevo xeracional por diversas razóns (urbanización e abandono do agro, diminución do uso da lingua galega nas novas xeracións, novas tecnoloxías...). Por estas razóns, son poucos os regueifeiros activos que quedan, mais hai algúns recuperadores e divulgadores deste xénero como Pinto d'Herbón ou Luís Caruncho, os cales acostuman impartir obradoiros en escolas e colexios.
Este tipo de versos a varias voces poden escoitarse na Galiza, aínda que hai zonas máis ricas deste tipo de literatura popular, como pode ser o caso da costa da Morte. Así mesmo tamén se poden ouvir en Portugal, denominados cantares ao desafío, no Brasil e Colombia, chamados repentistas, e na Arxentina e no Uruguai hai un desafío entre payadores, mais a temática destes últimos é seria e máis poética.



GALERÍA FOTOGRÁFICA
 https://www.dropbox.com/sh/8pw957p9nl3l9b9/OWGln5XEFM/regueifas%202014


VIDEO REGUEIFANDO



BAILE DA REGUEIFA


Ningún comentario:

Publicar un comentario