Soñei un sono, un sono de liberdade onde o amor reinaba no universo
coñecido. Ollei pola fiestra e mirei un fermoso campo de margaridas. De súpeto,
era un campo de guerra, cheo de cadaleitos que ían sementando de novo flores e
un arco da vella de cores brillantes.
Que sono tan estraño!
De súpeto, de novo, ao traverso dun cristal,
ollaba coma o vento movía as follas nun
xardín. Só escoitaba o vento que asubiaba. Sen temor, sen medo, pois a violencia, incluso a do vento,
é o medo aos ideais dos demais. E,
de novo, trasladeime a un campo de bataia, a un fogar onde imperaban os gritos
e a violencia, física e psíquica, a un aula, onde os alumnos rifaban e non se
respectaban, a un patio de recreo onde había marxinación, acoso e desprezo pola
cor, polo carácter, pola diferenza, por ser distinto...
Voei ata unha sinagoga- era un sono- onde se enaltecía o ataque a unha
mesquita, e aparecín na mesquita, onde se enaltecía o ataque á sinagoga, e fun
ata o Vaticano, e vin moita riqueza e inxustiza, e baixei a África e vin moita
pobreza.
Voei mecida polo vento ata a porta dun supermercado e vin xente recollendo
comida caducada, e fun á casa dun
presidente de goberno, e dun empresario de fortuna, cando celebraban unha
festa... e... volvín á miña fiestra. Estaba ollando o mundo no que vivimos, ese
no que “ tódalas persoas son iguais. Persoas ás que amar” según Tareixa de Calcuta, e non me semellou
que vivira en paz,nin que as persoas se amaran, mais vin moito amor aos cartos.
Eu sentía paz interior, ollando a beleza da natureza, mais a cada sitio ao
que acodía, ese concepto que me ensinaron non era o que vía. Violencia,
violencia estrutural, inxustiza e máis violencia.
Os pais e profesores que me educan dinme: “ A paz é un arma cargada de
futuro”, seica si, seica temos ese dereito no futuro, mais non hai futuro en
paz se non hai educación para a paz. Dime no meu sono Gandhi “ Non hai camiño para a paz, a paz é o camiño”.
E empecei a camiñar. A educación é a
arma máis poderosa que podemos usar para cambia-lo mundo, e sí, se cadra,
así é, como dixo Madiba. Teño que esforzarme para vivir en paz, e correr cara á
paz, e cando non poida trotar, camiñarei, e cando non poida camiñar, usarei o
bastón, mais nunca me deterei. E con esa reflexión espertei.
E comezaron a voar, ao meu redor, centos de pombas brancas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario