xoves, 7 de novembro de 2013

GÚSTAME O GALEGO DE PRIMEIRA"


O Concello, xunto coa Universidade de Vigo, a Fundación Celta de Vigo e o Real Club Celta están desenvolvendo a campaña de dinamización da lingua galega “Gústame o galego de primeira”.

“Gústame o galego” (www.gustame.gl) é unha campaña de normalización da lingua de noso que se vén realizando por todo o país e cuxo obxectivo é sumar apoios a prol da lingua galega e visualizalos.

Gústame o galego de primeira” suma os apoios individuais e colectivos de xogadores, cadro técnico e da propia entidade. Sabemos da importancia de termos referentes en calquera actividade da nosa vida, e somos tamén conscientes da relevancia que as e os deportistas teñen entre a mocidade.
Este Celta que tira da xente da casa, que ten xogadores vigueses e galegos había ser o referente para levar a cabo unha acción normalizadora da lingua galega.
Saudamos e queremos resaltar o apoio inmediato do Real Club Celta e da Fundación Celta de Vigo cando se lles presentou esta actuación, e dende logo o compromiso dos xogadores (tanto os galegos como os de fóra) e tamén do propio adestrador á hora de participar na campaña.
Pero o Celta non só son os xogadores nin adestrador, o Celta somos os seareiros e seareiras que o seguimos decote. E o galego hemos de o ser todas e todos, cómpre sermos seareiras e seareiros do galego!
E para demostrarmos ese apoio e visualizalo, este sábado a partir das 19:00 h, poderemos facernos unha foto co lema da campaña que escollamos. Será en Balaídos, entre Marcador e Tribuna estará todo disposto para que nos acheguemos a darlle o noso apoio a lingua galega. Dende ás 19:00 h e até o comezo do partido (22:00 h).
Conscientes do tirón que ten o Celta entre a mocidade, solicitámosvos que lle fagades saber o voso alumnado desta actividade e que lle acheguedes información e a autorización que vos enviamos. Esta autorización cómpre que veña asinada por nai/pai, titor ou titora xa que de non ser así non poderán ser fotografados.
Quen se achegue facer fotografía recibirá un agasallo da campaña, e formará parte do fotocol resultante.
Podedes obter máis información na páxina: www.gustame.gl



Ningún comentario:

Publicar un comentario