mércores, 19 de novembro de 2014

CARTA AO APALPADOR

Escribe a túa carta!
O Apalpador
Apdo. 7070
15002 A Coruña

Outro ano máis, todas as cartas que recibamos entrarán no Premio de Cartas ao Apalpador. Só tendes que enviar a vosa carta ao apartado 7070 da Coruña. Valoraremos as máis inxeniosas, as mellor escritas e as que amosen valores naturais, sinceros e positivos.
Como non se trata dun concurso de misses, non vale pedir «… a paz no mundo», «… que non haxa máis guerras», «… a cura de todas as enfermidades» nin «… que o ano que vén me porte mellor…». Todo isto está moi ben, pero ese desexo xa llo supomos a todos vós (e nós). Tampouco imos valorar os adornos das cartas, poden facerse, craro que si! Pero non se premiarán as mellor adornadas, ou por que sexan máis bonitas.
Tamén é importante pór a idade, pois clasificarémolas por tramos. O concurso está aberto a todo o mundo que lle escriba ao Apalpador, mais está destinado principalmente a estudantes de infantil, primaria e primeiro ciclo de ESO. Tamén poderán participar grupos cunha carta común; pensamos en aulas, asociacións, clubes, familias, ou mesmo unha panda de colegas.

O resultado do concurso darase a coñecer o 31 de decembro, na Noite do Apalpadoiro, a través deste sitio web: www.apalpador.com (temos solicitado o www.apalpador.gal mais aínda non están outorgados a día de hoxe)
Se alguén quere escribilas no noso papel de carta ao Apalpador non teñen máis que pórse en contacto connosco para facerllo chegar, son de balde, só hay que facernos chegar o importe do envío.

O ano pasado gañaron tres nenas do CEIP Amaro Refojo de Verín e unha de Agolada.
Animádevos!



mércores, 5 de novembro de 2014

SAMAÍN 2014


Como tódolos fin de ano celtas, é dicir, o comenzo do outono e da nova estación que dá paso ao inverno, celebramos no centro o Samaín. Unha festa que cada curso acada máis arraigo no centro.
Aquí están as fotos da decoración, estudo e celebración da festa deste ano.

https://www.dropbox.com/sc/4cqy341dgk67sei/AADYCn_6MRNw1ZUWe4zN0ykua

mércores, 8 de outubro de 2014

NOVO CURSO 2014-2015

Ola a todas e todos! benvidas/os ao novo curso escolar. O Equipo de Normalización quere darvo-la benvida e ofrecervos desde estas páxinas, coma sempre, información variada das actividades que facemos no centro e fóra del en prol da lingua de noso, e doutras novas de interese. Este curso, como sabedes, en Secundaria, imos levar a cabo un proxecto sobre Atapuerca, e imos traballar en canto ás formas e medios de comunicación empregados na prehistoria, aproveitaremos para coñecer tamén a prehistoria da nosa lingua, e apreciar o valor que tiñan as culturas que existían no lugar de noso na mesma liña de tempo que os habitantes de Atapuerca. Imos ver todo o que investigamos e aprendemos!
A partir de hoxe iremos colgando fotos e traballos que se empezan a realizar nas aulas e nos taboeiros, e xa sabedes que esta é unha fiestra aberta á exposición de todo o que queirades propoñer ou amosar, traballos, poemas, relatos, videos... todo o que queirades facer para estimula-lo uso da lingua de noso.
Máis nada, aquí estamos á vosa disposición para o que sexa mester. E, papis, mamis!, para vós tamén temos un espazo aberto ás vosas propostas e traballos, todo o que sexa fomentar o uso do galego será moi ben vido.
Apertas.
Mabel
Coordinadora do ENDL