domingo, 29 de setembro de 2013

CIENCIA EN GALEGO

http://snl.vigo.org/archivos/programas/2013061411482315bde7ccdbb734b8ef11f81f06f42d0e.pdf
FICHAS DE EXPERIMENTOS SINXELOS QUE SE PODEN FACER NA CASA, ímosche dar un exemplo, podes acceder a máis no enderezo anterior.

COMO O FACEMOS?

A BOTELLA E A MOEDA

QUE NECESITAMOS?
-Unha botella
-Unha moeda

QUE IMOS FACER?

Imos meter durante un certo tempo a botella no conxelador do frigorífico, até que estea ben fría. Ao cabo dun tempo (por exemplo, media hora) sacámola e deixámola de pé nunha mesa.
A continuación, tapamos a boca da botella cunha moeda e observamos a ver que pasa. Se fai falla agarda un pouco.

QUE É O QUE PASA?

Por que cres que ocorre isto? Que ocorreu? Se fixeches ben o experimento, puideches ver como a moeda, durante uns minutos, dá pequenos saltos sobre a boca da botella. Este efecto é debido a que, ao sacar a botella do conxelador, o aire que está no seu interior está a unha temperatura moi baixa, ao igual que a botella (aproximadamente a -15ºC). Ao colocar a moeda sobre a boca da botella, estamos tapándoa e impedindo que entre ou saia aire.
Cando pasan uns minutos, como a temperatura da habitación é máis alta (poñamos +20ºC), a botella comeza a quentarse e tamén o fai o aire do seu interior.
O aumento de temperatura do aire contido na botella supón tamén un aumento da súa presión, até que é suficientemente alta para facer saltar a moeda e deixar escapar un pouco de aire. E volta a comezar.
A moeda seguirá saltando a intervalos cada vez máis longos, mentres o aumento de temperatura do aire do interior provoque un aumento de presión suficiente para facela saltar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario